Máis de 250 alumnos asistiron ao Curso de Márketing Dixital Internacional organizado pola Xunta, a través do Igape, no marco do Programa Fórmate Internacional.
As empresas galegas que se inscribiron a este curso pertencen a máis dunha vintena de sectores de actividade, principalmente o agroalimentario, as TIC, as consultorías, a educación e o marketing. Ademais de traballadores, empresarios e autónomos, a formación, impartida de xeito online, foi seguida por medio cento de persoas en situación de busca de emprego.
O obxectivo do Curso de Márketing Dixital Internacional promovido polo Igape foi presentar unha formación especializada e práctica orientada a mellorar a estratexia internacional das pemes galegas, ofrecendo unha capacitación para transitar do “saber” ao “saber facer” en materia de internacionalización dixital.
Desde o pasado mes de setembro, os participantes nesta formación profundizaron nunha das materias básicas para calquera negocio internacional, o márketing dixital. Ao longo de 14 semanas, seis docentes expertos na materia (Tristán Elósegui, Jorge Casasempere, Alfonso Onorato, Jordi Ordoñez, Alfonso López Riobóo e Borja Anguita) presentaron aos alumnos as claves do márketing dixital, como o plan de márketing dixital, as ferramentas de analítica, os marketplaces, SEO e SEM, as campañas de publicidade dixital ou as redes sociais.
As clases online foron apoiadas por un campus virtual con material didáctico complementario, tests de autoavaliación e un boletín mensual de información de actualidade sobre marketing. Un caso práctico final permitiu aos asistentes pór en práctica os coñecementos e competencias adquiridas ao longo do curso.
Programa Fórmate Internacional
O Curso de Márketing Dixital Internacional forma parte do Programa Fórmate Internacional, a través do cal o Igape pon a disposición de empresas galegas, cursos, obradoiros e webinars gratuítos, asi coma outros recursos en liña. En 2023 prevese impatir unha nova formación de iniciación ao comercio internacional.