A Xunta destina 1,3 millóns de euros á contratación de xestores de internacionalización

A Xunta destina 1,3 millóns de euros á contratación de xestores de internacionalización.

O Consello da Xunta aprobou unha nova convocatoria do programa de xestores de internacionalización, que permite ás pemes participantes contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego.

 

A convocatoria, que se publicará en vindeiras datas no DOG, busca así facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior.

Desta volta, a iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, destina 1,3 millóns de euros para fortalecer a especialización en comercio exterior e a contratación de preto de medio cento de xestores por un período de ata 18 meses.

Neste sentido, aquelas pemes que teñan o seu domicilio social e un centro de traballo en Galicia, e que acrediten ter en marcha un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior, poden presentar a súa solicitude na procura de obter tanto información sobre profesionais con formación especializada como apoio económico para para a súa contratación.

A iniciativa contribúe así á captación profesional de expertos en internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os xestores achegando os seus coñecementos e experiencia.

As axudas poderán alcanzar ata o 90% do custo de contratación dos xestores, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50% dos apoios. Así mesmo, os xestores, ademais de estar dados de alta como demandantes de emprego na data da contratación, deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou cun certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

FONTE: A Xunta destina 1,3 millóns de euros á contratación de xestores de internacionalización para impulsar as vendas no exterior das pemes galegas – Igape