A Xunta busca no Uruguai novas alianzas comerciais

A directora do Igape, Covadonga Toca, nunha xuntanza con empresarios do Uruguai.

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou a mediados de novembro nunha viaxe institucional a Uruguai que tiña como obxectivo ampliar e mellorar as posibilidades de negocio das empresas galegas no país a través do establecemento de novas alianzas comerciais.

O Uruguai configúrase como un mercado cada vez máis importante para o tecido empresarial galego, tanto polo seu potencial de crecemento como polas oportunidades de negocio que ofrece en sectores como a construción, o naval ou a alimentación.

A viaxe institucional da directora do Igape enmarcouse na celebración do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai, que organizou a Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU) en Montevideo e en Punta del Este.

Cómpre salientar que AEGU suma máis de 200 empresarios, exercendo un papel fundamental de cara a facilitar a implantación de empresas galegas no país suramericano e para reforzar os vínculos comerciais. Unha relación que segue a medrar nos últimos anos, como amosa a evolución ascendente das exportacións galegas no país, que se incrementaron un 47,8% no último lustro ata acadar os 30 milóns de euros.

A celebración do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai facilitará o impulso de novos negocios ao contar o evento coa presenza de representantes de asociacións e delegacións de empresarios do Uruguai, Galicia, Cataluña, Estados Unidos, China, México, Paraguai, Brasil e Arxentina.

A viaxe de Covadonga Toca incluiu tamén diversas reunións con empresarios, asociacións e administración pública do país na procura de reforzar os lazos comerciais co Uruguai. Así, a directora do Igape mantivo encontros con representantes da Cámara Nacional de Comercio e Servizos do Uruguai, da Cámara Metalúrxica e Cámara de Industrias Navais, e tamén con representantes do Ministerio de Relacións Exteriores do Uruguai.

FONTE: A Xunta busca no Uruguai novas alianzas comerciais para seguir a potenciar a internacionalización do tecido empresarial galego – Igape