Nova convocatoria de Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios

Nova convocatoria de Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a nova convocatoria de dúas liñas de axudas do Igape -Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios- para promover a internacionalización de pemes e autónomos galegos, ás que se destinarán tres millóns de euros.

 

As axudas de Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios van dirixidas tanto a empresas como a clústeres, asociacións empresariais ou consellos reguladores. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que o obxectivo é que as empresas galegas sigan exportando e “abríndose a novos mercados”.

As axudas buscan impulsar actividades “de difusión no exterior” coma campaña publicitarias e a participación en feiras internacionais así como a accións específicas “para aumentar as exportacións e adaptar os produtos as demandas dos países” onde se van vender.

As axudas, que se poderán solicitar do 24 de outubro ao 23 de novembro., cobren as actuacións que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro de 2023. O apoio máximo por solicitude e beneficiario chega, no caso do Galicia Exporta Empresas, ata os 95.000 euros e no de Organismos Intermedios, aos 400.000.

O obxectivo destas liñas, impulsadas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, e no marco da Estratexia de Internacionalización, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.

Un marco no cal tamén se activará proximamente unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, pois o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais no actual contexto económico. O obxectivo é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores.

FONTE: https://www.economiaengalicia.com/articulo/ayudas-y-subvenciones/nova-convocatoria-programas-galicia-exporta-empresas-organismos-intermedios/20231018181053025165.html